A figura do cabalo

DSC00471

 O CABALO: UN  ANIMAL MOI IMPORTANTE NO PASADO E NO PRESENTE DE MASIDE

Maside é un concello que sempre tivo unha gran relación co cabalo.

O desenvolvemento de Maside debeuse, primordialmente á súa situación, nun cruce de camiños e talvez por iso houbo en Maside tantos arrieiros, comerciantes que enriba de mulas ou cabalos percorrían a nosa comunidade levando viño do Ribeiro cara as máis alonxadas vilas de Galicia, das que traían a cambio xamóns e diversos produtos. Asemade, Maside é terra de tratantes de gando ou feirantes que coa súa gorra, chaqueta negra e a súa tixola recorrían Galicia nas súas bestas, en busca do mellor gando. De feito, dicía Otero Pedrayo que non se entendía unha feira en Galicia sen a presenza dos masidaos, sobre todo dos parroquianos de Garabás, a cuna por antonomasia dos tratantes.
Mostra deste gran apego e afección ó cabalo é a figura do FELO de Garabás, figura carnavalesca auténtica e propia exclusivamente das terras de Maside, especialmente da parroquia sinalada.
A palabra “felo” significa precisamente “máscara”, ten unha orixe xermánica e derívase de “fillon”, que significa ‘aquel que azouta’.
Os‘ Felos’ de Garabás son a estampa máis xenuína da bisbarra, que diferenza o Entroido de Maside dos outros do noroeste ourensán. Estes personaxes percorrían en grupos numerosos os pobos da Comarca para invitar, sempre polas boas, as xentes á troula.
Os nosos ‘Felos’ a diferenza dos tamén así chamados noutras zonas, non cubren a faciana, levan pantalóns de boa tela, e por debaixo calzóns de liño. Empregan vara ou vergallo, non exclusivamente para azoutar ó animal senón para meterse coa xente do lugar. Sobre a cabeza portan un pucho feito de papeis de cores e o redor del cristaliños rectangulares pegados con engrudo e adornados con plumas de aves de curral, de pegas, corvos ou gaios. Levan polas costas, desde o ombreiro dereito ó costado esquerdo, un e ata dous panos floreados que a maioría das veces eran os mantóns ou as “toquillas” das mulleres da casa ou da moza que está prendada polo cabaleiro que denotan xeitos e formas con reminiscencias medievais.
DSC00473
DSC00589
Fotos do desfile de Entroido 2010 en Maside

E xa por último, viste a máis das chamativas prendas do entroido masidao: as fitas e as polainas de la, de cores puras e cheas: azuis, vermellos, verdes e negros, aquelas que antano eran feitas a calceta pola dona dos seus amores. Prendas polas que, nos xa esquecidos tempos dos ‘fiadeiros de Requeixo’ e de ‘Garabás’, tiñan as ‘súas’ mozas e mozos, de presumir da máis lucida e mofarse das menos.

Os descendentes dos nosos antigos arrieiros, gardaron sempre no seu corazón un gran cariño ó cabalo e, no ano 1988 organizaron a I Festa do Cabalo de Maside, no enclave natural do Puzo do Lago. Na actualidade xa sobrepasan as 20ª edición desta festa, celebrándose no ano 2009 a XXII edición.

 

Espertando un gran interese non só a nivel rexional ou autonómico senón tamén nacional (coa presenza de importantes eguadas de León, Asturias, Zamora, etc.) e internacional cunha importante presenza de veciños de Portugal, a Festa do Cabalo de Maside é a festa cabalar continuada máis antiga que se celebra en Galicia.
Os cabalos son protagonistas en Maside, das máis diversas probas, as cales a organización intenta variar e innovar ano tras ano. Así, ó longo destes 22 anos houbo edicións con espectáculos taurinos que simulaban á perfección o ambiente andaluz, exhibicións de doma clásica, probas de horseball, arrastre con bois, etc., sendo fixas as distintas probas de andadura, carreiras, rodeo americano, beleza e estampa…. E como non, a degustación de exquisita carne de poldro, que converte esta festa cabalar tamén nunha xuntanza gastronómica.

A continua exaltación deste fermoso animal é posible grazas ó traballo da ASIOCIACIÓN DO CABALO PUZO DO LAGO.