Maside Tarmal

 MASIDE TERMAL: A RAÑOA

Maside é terra de augas, de augas mineromedicinais, sona que queda demostrada coas súas augas de Manzós e principalmente da Rañoa.

A Rañoa, zona termal e recreativa, que vén sendo desde hai moitos anos, o centrode esparcemento dos veráns de Maside e que recibe unha nutrida asistencia, non só do Concello senón do resto da Comarca.

Bar da Rañoa e antigo muíño

 

 A paraxe da Rañoa é un marco natural incomparable que fai sentir ó que alí se achega, especial e libre. As súas árbores, a súa fonte termal e mineromedicinal, o seu regato, a súa tranquilidade e ó mesmo tempo, a súa vida, chea de ledicia, reflexada nos sorrisos de nenos e maiores, fan que A Rañoa sexa o lugar ideal para pasar un día de relax

No referente ó aspecto mineromedicinal etermal, cómpre salientar que o uso dos seus mananciais vén desde tempos inmemoriais, tendo aproveitado as propiedades destas súas augas milleiros de persoas ó longo dos anos. 

 

 

Piscina dos cativos

 

 

Os nosos maiores lembran con certa nostalxia o Baño da Rañoa, como era coñecido, hai anos, o pilón de cantería onde tomaban o baño ata doce persoas xuntas e que hoxe tan só podemos imaxinalo.

 

 

Fonte de auga mineromedicinal da Rañoa

A Rañoa sempre estivo moi presente na mente dos veciños e das autoridades de Maside que tiveron unha continua e especial sensibilidade con este pintoresco lugar, punto de saúde para moitos visitantes. Así, hai 130 anos cando o alcalde por aquela entonces, D. Manuel Pérez, acordou como de “urxente necesidade” arranxar o camiño que conducía ó Baño da Rañoa, así como o propio Baño, “polo inmenso servizo que presta a tódalas persoas do país que toman augas co obxecto de aliviar as súas doenzas”, pedindo do pobo gando e carros e impoñendo ós que se negaran dúas pesetas de multa ou tres no caso dos carros.

AS AUGAS MINEROMEDICINAIS

Para os máis interesados nas propiedades das augas mineromedicinais, debemos apuntar que a auga deste manancial é inodora, clara e transparente e a pesares de despedir un lixeiro olor azufroso, o seu sabor non é repugnante e, son moitos os doentes que veñen a Maside na procura desta medicina natural, indicada terapeuticamente para: afeccións das vías respiratorias, afeccións dermatolóxicas, afeccións reumatolóxicas e afeccións hepáticas.

O carácter medicinal das augas da Rañoa quedou confirmado, sen lugar a dúbidas, co estudo que fixo Dona María Souto Figueroa, Licenciada e Doutora en Ciencias Químicas e Licenciada en Farmacia.

Desta análise podemos saber que:

  • A temperatura das augas é de 20,5 º centígrados, polo que se considera hipotermal.
  • A súa clasificación completa é de augas hipotermais, de mineralización moi débil, sulfuradas, alcalinas, fluoradas e boricadas.
  • A presenza do Boro ten importancia porque constitúe un bo antiséptico da mucosa ocular.
  • A presenza do Flúor modifica a estrutura do esmalte e o dente faise menos vulnerable á caries.
  • A presenza do Cinc potencia procesos enzimáticos, cuxa carencia orixina trastornos na saúde.
¡VIVE MASIDE!
¡RELÁXATE NA ÁREA LÚDICO – TERMAL DA RAÑOA!
 
¡QUEDAS CONVIDADO!